Ars Metrica 2010/12

Presentación

  • Gerardo Pérez Barcala

As Journées d’études métriques celebradas na primavera de 2006 na Université ELTE de Budapest foron o marco no que un grupo de especialistas (entre os que estaban Dominique Billy, José Domínguez Caparrós, Iván Horváth, Patrizia Noel ou Levente Seláf) estableceu as bases dunha revista electrónica que, dedicada exclusivamente á métrica, botaba a andar ese mesmo ano baixo o nome Ars Metrica. Ao formar parte do consello de redacción da revista, a súa dirección encomendounos, hai aproximadamente un ano, a coordinación dun número monográfico dedicado ás cantigas galego-portuguesas. Circunstancias diversas fixeron que a empresa se fose adiando, mais durante este tempo establéceronse contactos con varios estudosos e finalmente foron nove os especialistas que se animaron a participar nun proxecto que se propoñía adentrarse nunha cuestión que, xa no segundo cuarto do século XVI, chamara a atención dun personaxe, o humanista italiano Angelo Colocci, que estuda as cantigas dos relatores confeccionados polo seu encargo —en particular o cancioneiro identificado como B, hoxe na Biblioteca Nacional de Lisboa (cód. 10991)— con anotacións marxinais que, entre outros moitos aspectos, se deteñen na configuración retórica, métrica e rimática das mesmas. E isto porque os que inauguraron a expresión lírica en lingua vulgar fixeron da medida dos versos e da rima as bases sobre as que se apoiaba a composición duns textos que, ademais, ían acompañados de melodía, segundo se desprende do espazo reservado nos manuscritos para a notación musical —e mesmo a conservación desta para as composicións de Martin Codax e algunhas do prolífico Don Denis—, así como da utilización dos vocábulos cantiga e cantar por parte dos propios trobadores e xograres para referirse ás súas pezas ou das disputas literarias que teñen a súa orixe na incompetencia profesional de quen, como Lourenço, non sabía manexarse nas artes de rimar e iguar. Read more