revisión dalgúns conceptos
- Gerardo Pérez Barcala, Universidade de Santiago de Compostela
No capítulo IV da Arte de Trovar que precede ao Cancioneiro da Biblioteca Nacional de Lisboa (Cód. 10991) —identificado como B no conxunto da tradición manuscrita da lírica galego-portuguesa— explica o anónimo autor que os trobadores deben “poer rimadas e iguadas” as estrofas das cantigas, porque —continúa— “d’outra guisa non poderiam caber no som que bem fosse” (cf. Tavani 1999: 46). Non se poderían resumir mellor e con menos palabras as claves da composición das cantigas ou cantares. E é que manexarse con destreza nas artes de rimar e iguar os textos aseguraba a boa reputación do autor nos círculos cortesáns e axudaba a conseguir o seu recoñecemento literario. Abunda, en efecto, o corpus galego-portugués en textos nos que algúns trobadores fan doutros compañeiros de escola (xograres principalmente) o obxecto de duras críticas por non dominar as artes do trobar. Lourenço foi, sen dúbida, o personaxe máis denostado, non só pola pouca destreza para exercer as actividades que lle correspondían á súa condición de xograr, senón tamén, e sobre todo, pola súa participación na produción poética, cando, en realidade, “de trobar nulha rem non sabedes, / nen rrimades nen ssabedes iguar”, como lle recrimina Pero Garcia (Burgalês) no debate poético que con el mantén, Quero que julguedes, Pero Garcia (LPGP 88,13, vv. 4-5 II). Read more